Friday 05 de July de 2024

Daniel Pérez reclama da Xunta a recuperación, o acondicionamento e a posta en valor do esquecido Refuxio de Bértoa


A área recreativa da Consellería de Medio Ambiente, que albergou un refuxio de pescadores e foi punto de encontro das familias carballesas durante décadas, está totalmente abandonada

O Refuxio de Bértoa, situada na ribeira do río Anllóns, naceu a partir dun refuxio de pescadores e foi no seu momento, antes de que o litoral acadase o protagonismo que ten a día de hoxe, o principal punto de encontro das familias carballesas durante a época estival. É, como sinala o deputado Daniel Pérez, “un deses espazos que, xunto co Bosque do Añón, gardan un especial significado para varias xeracións de carballesas e carballeses”.

Ese é un dos motivos de que o deputado carballés veña de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias relacionadas co Refuxio de Bértoa. Pero non só se trata de recuperar o espazo polo seu simbolismo, senón polo perigo que supón a súa situación actual de abandono, que di ben pouco dunha administración encargada de velar pola preservación dos recursos naturais de Galiza como é a Consellería de Medio Ambiente, titular do espazo.

A falta absoluta de mantemento provoca que a paraxe estea invadida pola maleza, e que os restos do refuxio de pescadores, vítima do vandalismo e do abandono, sexa hoxe pouco máis de catro paredes entre as cales medra a vexetación.

A finais dos anos 90 proxectouse o acondicionamento das instalacións e a mellora da integración do edificio do refuxio de pescadores no entorno, mais finalmente ficou esquecido ese proxecto. Anos máis tarde, unha iniciativa aprobada no pleno do Concello de Carballo acordaba demandar da Concellería de Medio Ambiente, responsable da xestión do Refuxio de Bértoa, unha actuación para a recuperación do enclave e a sinatura de un convenio coa Xunta para que o Concello puidese usalo. Tampouco foi posible.
A beleza do espazo, a súa localización privilexiada, a sempre desexable ampliación e diversificación da oferta lúdica e mesmo turística do concello, xunto co especial pouso identitario do Refuxio de Bértoa para Carballo, aconsellan recuperalo para o seu uso por locais e visitantes. E por iso o BNG insta á Xunta de Galiza a acondicionalo antes da época estival, a incluír unha partida nos orzamentos do 2025 para actuar no edificio coa finalidade de integralo no entorno e poder recuperar o uso público da paraxe, e a acordar co Concello de Carballo a sinatura dun convenio de uso que permita, a partir do seu acondicionamento, que sexa xestionado pola Administración local.